Ao longo da segunda quincena de setembro e comezos de outubro celebrouse o webinar organizado por Sogeviso baixo o título «Vivendas de alugueiro accesible: protagonismo e oportunidade de investimento» centrado na necesidade da colaboración público-privada para o desenvolvemento dun parque de alugueiro accesible en España.
Ao longo de catro sesións, con catro relatores e un moderador en cada unha delas, afondamos nos diferentes contidos relacionados co tema. O alto nivel dos relatores e a resposta das persoas que participaron permítennos facer un balance das xornadas moi positivo.
A continuación, podedes ver o programa das xornadas, así como a versión en vídeo do contido total de cada sesión.
Ligazón ao programa das xornadas.
Ligazón vídeo primeira xornada (15/09)
Ligazón vídeo segunda xornada (22/09)
Ligazón vídeo terceira xornada (29/09)
Ligazón vídeo cuarta xornada (06/10)
A primeira sesión, o 15 de setembro, tratou o «Diagnóstico e a situación do alugueiro accesible en España». Nesta sesión púxose en evidencia a situación de déficit actual e tamén a dificultade que ten a administración pública para aportar unha solución, polo que a colaboración entre todos os axentes aparece como un elemento primordial para afrontar este reto. Tamén se puxo en evidencia a necesidade dunha nova política de longo prazo e con alto nivel de consenso e que hai que acompañala dunha seguridade xurídica da que lamentablemente non dispoñemos.
A segunda sesión, o 22 de setembro, baseouse en explicar e analizar «Experiencias no desenvolvemento e a xestión de vivendas en alugueiro accesible». Nesta ocasión constatouse que hai diferentes fórmulas de colaboración público-privada en función do seu valor social e da capacidade de intervención pública e fíxose énfase en que existen diferentes problemas e diferentes solucións. A necesidade de crear estabilidade xurídica, a mellora de aspectos fiscais, a convivencia dun desenvolvemento normativo para favorecer vehículos societarios de lucro limitado e finalmente a necesidade de presuposto público como punto de partida básico, así como a necesaria comprensión de que as políticas de vivenda son transversais: urbanísticas (creación de solo), sociais, económicas, medioambientais, de mobilidade…
Na terceira sesión, o 29 de setembro, analizouse o «Presente e futuro da colaboración público-privada no desenvolvemento de proxectos de vivenda accesible». O punto de orixe foi a coincidencia en que temos un recurso público que non podemos conxelar (solo) e que a partir diso xa saíron diferentes modelos útiles, suxestivos e moi interesantes (AMB Barcelona, Madrid). Tamén se reflexionou sobre a importancia da industrialización e do financiamento da promoción e o investimento finalista, así como a necesidade de establecer un prezo de alugueiro accesible que garanta unha rendibilidade mínima. Observouse que hai que ter en conta o stock de vivendas existente e tamén as necesidades do territorios non punteiros.
Na cuarta e última sesión, o 6 de outubro, profundouse no paso «Da xestión administrativa á xestión socialmente responsable». Neste sentido dende o investimento privado púxose énfase no investimento social de impacto (ESG – SROI), así como na aparición da Socimi social. Dende as entidades sen ánimo de lucro de alto contido social púxose énfase na xestión directa do acompañamento social e na necesidade de cobertura pública para finalizar o seu programa. Finalmente, dende a xestión pública incidiuse na xestión da convivencia, na xestión da intervención social e na xestión da ocupación.
Como conclusión reiterativa de todas as sesións podemos sinalar, en primeiro lugar, o consenso en que a colaboración público-privada na súa intensidade máis alta é a mellor solución para a necesaria e urxente produción industrializada de vivenda en réxime de alugueiro accesible como factor imprescindible para mellorar a situación, en segundo lugar, a importancia da vontade política e da disposición de presuposto público e, finalmente, que hai diversidade de alternativas e moitas delas complementarias.
Sinalar que varios dos relatores manifestaron que Sogeviso é un referente na xestión socialmente responsable dunha oferta de vivendas en alugueiro e valoraron positivamente a iniciativa destas xornadas pola actualidade dos temas abordados, o nivel dos participantes e o intercambio de coñecemento e experiencias que significou.
Finalmente, queremos agradecerlle a todos os relatores a súa predisposición e participación, e a todos os asistentes, a súa conexión.