A empresa municipal REDESSA (Reus Desenvolupment Econòmic, S.A.) adxudicou a promoción e construción dos 132 pisos a Construcciones Rubau, gañadora da licitación presentada xuntamente con Sogeviso para xestionar o alugueiro durante os 75 anos de cesión.
REDESSA, empresa municipal de Reus, adxudicou o pasado 11 de outubro a constitución dun dereito de superficie sobre o predio situado na rúa Jaume Vidal i Alcover, número 24 —na zona de Mas Iglesias— para promover e xestionar vivendas de protección oficial de alugueiro económico á oferta presentada por Llogueralia Reus, SL, empresa pertencente a Construcciones Rubau que, xunto con Sogeviso, se presentou ó concurso.
Rubau efectuará o investimento e a construción das vivendas, que contarán con ata 3,35 millóns de euros de Fondos Next Generation UE. Como condición para recibir as axudas, as obras das vivendas deberán estar rematadas a mediados do ano 2026. De aí en diante, a xestión dos alugueres será asumida por Sogeviso, cuxo modelo de xestión recibiu boas valoracións por parte da mesa de contratación: “Proponse unha xestión sensible e respectuosa coas necesidades das unidades de convivencia (…) cun modelo de atención axeitado”.
As persoas beneficiarias dos alugueres serán as que estean inscritas no rexistro oficial de vivenda protexidas (RSHPO) e as vivendas só poderán ser utilizadas como domicilio habitual e permanente. Posteriormente, elaboraranse unhas bases de adxudicación para regular o procedemento de adxudicación, que establecerán unha reserva de polo menos o 26% das vivendas para menores de 35 anos e outro 26% para continxentes especiais. A xestión prolongarase ata a finalización da cesión do dereito de superficie: 75 anos dende a firma.
Reus, con máis de 100.000 habitantes, poderá así ofrecer pisos de obra nova con prezos ata o 40% por debaixo do mercado, respondendo así a unha necesidade real de oferta na cidade. As 132 vivendas serán construídas nun predio de case 2.000 metros cadrados e con máis de 10.000 metros cadrados de edificabilidade. O resultado será un edificio con planta baixa máis seis andares. Diferenciaranse dous tipos de vivendas: por unha banda, unha de dous dormitorios (entre 45 e 55 m2 útiles) e, por outra banda, outra de tres dormitorios (entre 60 e 65 m2 útiles). Ademais, a promoción contará cunha reserva do 4% de vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida.
Con esta de Reus, Sogeviso incorporará á súa xestión a súa segunda promoción de alugueiro accesible en Cataluña, que se suma así á de Calafell (110 vivendas), adxudicada hai un ano tamén á proposta de Rubau e Sogeviso. Ámbalas dúas súmanse aos dous lotes do Plan Vive Madrid -2.900 vivendas en 17 promocións-, adxudicados a Culmia e cuxa xestión será asumida por Sogeviso, que mantén así a súa clara aposta pola xestión de alugueres accesibles e pola promoción de políticas dirixidas a este tipo de alugueiro en todo o Estado a través da colaboración público-privada.
Foto: Éxodo Urbano / Rubau